Friday 29 de March de 2024

O Museo do Humor de Fene conmemora este mércores o Día dos Museos cun concerto de “De vacas”


O ciclo “Música con retranca”, organizado pola Concellería de Cultura e Ensino de Fene, comeza este mércores no Museo do Humor de Fene coa actuación de “De vacas”, grupo formado por Marela, Pinta e Morena (Faia Díaz, Ines Salvado, Paula Romero, excompoñentes do Coro da Ra e do Coro Encaixe) e Guillerme Fernández (integrante de formacións como Berrogüeto ou aCadaCanto). “De Vacas” realiza “versión de grandes temas venerados polas masas pero maltratados pola historia” (coma o Gagnam Style, de Psy, que elas versionan a tres voces, ou as cancións das Spice Girls).

“De vacas” subirán este mércores ao escenario da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22) ás 20 horas. As entradas serán de balde aínda que, as persoas que desexen asistir ao espectáculo, deberán recoller as súas invitacións (2 por persoa) o mesmo día da actuación na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo estará limitado a 120 persoas.

O concerto de “De vacas” encádrase na conmemoración do Día dos Museos e supón o arranque do ciclo “Música con retranca”, organizado pola Concellería de Cultura e Ensino de Fene coa colaboración da Xunta de Galicia (Cultura no Camiño). O programa inclúe catro espectáculos que se caracterizan por combinar música e humor. Neste senso, e logo da actuación de “De vacas”, o venres 20 de maio subirá ao escenario da Casa da Cultura de Fene o dúo formado por Lucía Aldao e María Lado, “Aldaolado”, e no seguinte venres, o 27 deste mes, os protagonistas serán “Os da ría”. O ciclo pecharase o venres 3 de xuño co espectáculo de cabaré “Lilí Berlín”.